GABINETE DE ORIENTACIÓN FAMILIAR DE VIGO
G.O.F. Vigo
R/Concepción Arenal, 8, 1ª planta. Vigo.
Tlf.: 986.817.085
Os gabinetes de orientación familiar (GOF) constitúen un recurso especializado no apoio e
na promoción da calidade de vida das persoas e das familias, e na atención e prevención
das diferentes situacións problemáticas que se poidan dar no ámbito da convivencia cotiá.
A que niveis actúan?
- Informativo: facilitándolles ás familias a información necesaria para favorecer unha mellor comprensión do medio e dos recursos dispoñibles.
- Educativo e formativo: proporcionándolles ás familias os medios necesarios para o desenvolvemento integral das súas funcións e das súas habilidades, fortalecendo os vínculos do sistema familiar e facilitando que a dinámica individual e familiar sexa creativa, eficaz e enriquecedora.
- Preventivo: de preparación perante as distintas etapas ou situacións polas que pasan as familias no seu ciclo vital.
- De axuda persoal e emocional: ofrecendo atención e acompañamento en calquera momento da vida e, en especial, nos momentos de crises provocadas por desgrazas inesperadas. Esta axuda pode ser: formal, a través da terapia familiar; ou informal, a través das redes de axuda mutua ou grupos de apoio familiar.
- Orientativo: acompañando as familias, ofrecendo asesoramento para a toma de decisións, a resolución de conflitos e a mobilización dos recursos propios e do contorno, así como no proceso de planificación de apoios.
- De terapia e tratamento: co fin de superar os dinamismos disfuncionais das familias, facendo posible o seu progreso e a súa adaptación.
Quen pode beneficiarse?
Todas aquelas persoas con residencia en Galicia que consideren que na súa familia existe
algún conflito: de parella, entre nais e pais e fillas e fillos ou coa familia extensa.
Como actúan?
Os GOF só poderán actuar por petición directa e voluntaria das persoas que así o requiran.
Os gabinetes respectarán e terán en conta as opinións de todos os membros da familia
garantindo a confidencialidade e o segredo profesional.
Onde se atopan e cal é a súa composición?
Os gabinetes de orientación familiar están adscritos aos servizos de Familia e Menores das
xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e están formados por un equipo
multidisciplinar, integrado por profesionais das áreas de traballo social, psicoloxía e dereito,
todos especializados na atención dos conflitos familiares e de parella.